NOVAS ::
A artista Ángeles Jorreto presenta os seus "Soños sobre lenzo" no Museo Municipal
Actividade: Presentación da exposición: Soños sobre lenzo.
Autora: Ángeles Jorreto.
Datas: Do 3 de xullo ao 31 de agosto de 2014.
Lugar: Museo Municipal (Ourense).
Entrada: Gratuita.
Soños sobre lenzo. Este é o título que a artista Ángeles Jorreto seleccionou para a exposición pictórica que agora presenta no Museo Municipal da cidade. E foi así porque, segundo explicou na rolda de prensa de presentación da mostra, "porque primeiro vexo a imaxe pero despois pásoa polo filtro dos soños para crear de novo outra obra". No acto, a pintora estivo acompañada pola concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido, e pola Directora de Espazos Expositivos, Eva Torres.
Soños sobre lenzo é unha exposición formada por 50 obras que se reparten nas salas I e II deste espazo expositivo. Jorreto sinalou que na sala I "está todo o relacionado coa terra" e, na sala II "todo o relacionado coa auga e co mar". Na mostra hai unha clara predominancia de rostros femininos porque, segundo a súa autora, "os rostros é algo que me apaixoa porque me permite expresarme de moitas maneiras; sen caer nos rasgos persoais, tento buscar a esencia das persoas, unhas veces nos xestos e outras mesmo xogando cos títulos das obras buscando provocar a reflexión no espectador".
Falou tamén Ángeles Jorreto da técnica que utiliza para pintar. "Utilizo técnica mixta porque me gusta xogar con diferentes texturas e materiais, facendo un xogo ao non convencional e buscando calquera elemento para pintar".
Unha pintura "diferente e colorista"
Tanto Ana Garrido como Eva Torres louvaron o gran traballo da artista, ourensá afincada en Vigo. Nesta liña, Eva Torres falou da obra de Jorreto subliñando que "é unha pintura diferente e colorista" e facendo fincapé no feito de que, "tanto polas súas exposicións como pola súa traxectoria, xa que leva toda a vida pintando, nos parece moi interesante".
A exposición de Ángeles Jorreto no Museo Municipal forma parte do proxecto museístico no que dende hai anos está a traballar a sala. Jorreto forma parte do Museo dende o ano 2010 coa obra: Metrópolis -inventario 1256-, que xa forma parte da colección que custodia o Museo nos seus fondos.
A mostra poderase visitar ata o día 31 de agosto.
Talento y genio en Méndez Nuñez - La Opinión A Coruña
Exposicion en Ourense http://youtu.be/RwKMgAALvdA